Monday 29 de April de 2024

A Xunta impartirá un Obradoiro de Garantía Xuvenil en Fene de fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial para formar a 16 alumnos menores de 30 anos


A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de 180.000 euros nun taller de formación e emprego en Fene compartido con Ares, Cabanas, Mugardos e Neda

A Consellería de Economía, Emprego e Industria resolveu a convocatoria de Obradoiros de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante esta iniciativa a Xunta investirá na provincia da Coruña 1,3 millóns de euros para formar a 119 alumnos-traballadores de 22 concellos en 8 talleres de formación e emprego.

Concretamente na comarca de Ferrol, en Fene terá lugar un obradoiro de Garantía Xuvenil organizado pola Xunta de Galicia en colaboración tamén cos concellos de Cabanas, Ares, Mugardos e Neda. Este curso de formación e emprego permitirá que 16 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. A duración deste obradoiro será de 6 meses e deberá comezar antes do 30 de setembro.

Este taller de formación se centrará na formación para a fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial. A parte práctica se centrará na realización dunha varanda de protección no río Cádavo e no acceso ao parque de Castelao, na avenida do Concello, así como nas varandas laterais do graderío existente no campo de fútbol municipal de Prados Vellos de Ares.

Os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.